Monday 06 de May de 2024

Alegría, festa, música e boa mesa na xuntanza das persoas maiores de Ordes


 

Acompañándoos estivo o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Idelfonso de la Campa Montenegro

Un ano máis o Concello de Ordes dedicoulle unha xornada aos seus maiores. O Campo da Feira acolleu, baixo unha gran carpa, unha xornada na que non faltou a misa, o baile, a música a festa e, sobre todo, moita diversión. Por suposto o eixe central do programa foi a mesa e o bo xantar. Non faltou empanada, polbo, bacallau, carne de terneira, doces e queixo entre outras delicias.

De todo isto deron boa conta as máis de 800 persoas que participaron na xuntanza deste ano á que tamén acudiu o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Idelfonso de la Campa Montenegro. O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, encabezou a representación institucional local. Tamén estiveron os membros do seu equipo de Goberno e moitos dos concelleiros da corporación local.

No seu discurso o rexedor ordense fixo alusión ao significado do termo xubilación como “lanzar gritos de xúbilo e alegría”, pero tamén como sinónimo contemporáneo de “grandes responsabilidades que sobre os avós e as avoas recaen na sociedade de hoxe en día”. “Somos o que somos grazas ás nosas persoas maiores, por iso hoxe tócanos decirlles moitas grazas”, recoñeceu Martínez Sanjurjo. Un agradecemento que se fixo extensible tamén “ao seu esforzo, traballo e valores transmitidos”. Por último o alcalde tivo unhas palabras de lembranza hacia aquelas e aqueles “que disfrutaron con nós desta festa en edicións pasadas e cuxo recordo pervive, por sempre, na nosa lembranza”.